top of page

O proxecto Falemos gaña o premio Mil Primaveras

O Proxecto Falemos de ti e min acaba de ser recoñecido co Premio Mil Primaveras na categoría de "Mellor Proxecto Novo".


O premio


O Premio Mil Primaveras naceu para valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal fomentar a lingua e procurar o incremento do seu uso e/ou prestixio.


Este galardón está convocado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).



Os motivos


O xurado destacou que Falemos de ti e min é "un proxecto integrado no proxecto educativo do centro, desenvolvido durante todo o ano, dirixido á totalidade do alumnado, transversal e implicando a todos os departamentos".


Ademais, o xurado valorou "moi positivamente que a promoción da lingua se asocie con outros valores e causas sociais xustas, como a igualdade de xénero e a defensa da diversidade sexual, funcional e cultural".


Desde os Mil Primaveras destacouse tamén que "o proxecto conta cun plan de avaliación con criterios e indicadores ben definidos" que serve como "modelo de traballo inspirador que pode ser empregado noutros centros educativos", segundo a acta do xurado.


Outros premiados


Nas restantes categorías, as iniciativas premiadas foron:

  • Modelo Burela (como proxecto estabilizado),

  • Desafío 48 h (pola súa comunicación e impacto),

  • Youtubeir@s (como proxecto máis innovador),

  • Eu presumo de galego (como proxecto destinado á mocidade) e

  • GCiencia (como proxecto dun ámbito sectorial).


O xurado


O xurado dos Premios Mil Primaveras estivo formado por Daniel Romero Rodríguez, técnico de normalización lingüística do Concello de Fene, Rosario Pérez Magdalena, técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, Ana Iglesias Álvarez, investigadora e docente na Universidade de Vigo, María Yáñez Anllo, xornalista e directora da revista dixital Vinte, e Anxos Sobriño Pérez, presidenta da CTNL.



Agradecementos


Desde a coordinación do Proxecto Falemos de ti e min, e en nome de todas as persoas integrantes do proxecto, queremos agradecer á CTNL este recoñecemento.


Igualmente, dámoslle o noso agradecemento e os nosos parabéns a todo o profesorado colaborador, así como á dirección do centro por acoller e desenvolver esta iniciativa.


Finalmente, queremos facer especial mención ao alumnado do IES de Soutomaior, xa que o seu traballo, entusiasmo e dedicación fixo posible un proxecto deste calibre. A el vai dedicado este premio. Moitos parabéns!




27 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
bottom of page