Unha vez que o labor do Proxecto Falemos rematou, entramos na fase de avaliación. Enviamos cuestionarios e realizamos sondaxes coas cales pretendemos recadar información significativa que nos permitise coñecer con carácter global varios aspectos relacionados co proxecto que levamos a cabo.
A avaliación realizouse a principios de xuño. En total, interesámonos por 44 cuestións que se presentaron en 7 bloques de preguntas e 3 seccións principais (obxectivos, metodoloxía, relevancia). Por exemplos, preguntamos polo cumprimento de obxectivos, a adecuación das temáticas aos contidos curriculares, a experiencia na metodoloxía de traballo por proxectos e os produtos finais acadados, etc.
Avaliación do proxecto:
A maioría das persoas consultadas manifesta que os obxectivos do proxecto eran coñecidos e entende que foron conseguidos tanto durante o proceso de realización das actividades como nos produtos finais. Houbo un bo labor de difusión dos obxectivos e interese do profesorado participante por coñecelos. Os procedementos de difusión e explicación dos obxectivos xerais, pois, parecen os adecuados (reunións iniciais e web do proxecto).
En termos xerais, observamos que a realización das actividades do Proxecto Falemos fomentou o uso da lingua galega (entre o alumnado, e entre o alumnado e o profesorado), resposta que se mantén en liña coherente cos datos sinalados sobre a consecución dos obxectivos xerais do proxecto. Os produtos escritos están redactados en lingua galega e os usos comunicativos habituais do alumnado entre iguais foi maioritariamente en galego. O profesorado manifesta que empregou tamén co alumnado moito ou bastante galego.
O deseño das actividades e propostas, á vista dos datos, soubo conter e desenvolver os temas centrais do proxecto. A práctica totalidade das persoas consultadas pensan que os temas centrais do proxecto estiveron moi presentes en todas e cada unha das actividades e propostas. Con carácter específico, os temas de diversidade (10) e muller (11) estiveron claramente moi tratados nas actividades.
En termos xerais, o labor de coordinación considérase excelente: reunións e correos, información ofrecida, recursos empregados durante e despois das reunións, etc. Este modelo podería ser reproducido en futuras edicións.
As persoas consultadas percibiron que o proxecto supuxo unha innovación: introduciu cambios na actividade docente, o alumnado aprendeu nas distintas materias implicadas, a metodoloxía aplicada non marxinou alumnado con NEE e non se percibiron actitudes negativas nas distintas propostas en canto aos temas máis sensibles (muller, colectivo LGTB, inclusión da diversidade funcional nas actividades...).
De xeito unánime, pénsase que as propostas foron idóneas para os obxectivos e contidos das materias, e valórase como excelente a experiencia vivida na aula en relación coas actividades pensadas para o proxecto.
En xeral, a difusión e o impacto do proxecto considérase boa ou excelente. Esta resposta é coherente coa cantidade de medios que, realmente, foron empregados para dar a coñecer o proxecto e as súas actividades.
Á vista dos datos, pensamos que para futuras edicións debe existir un labor de difusión e promoción máis amplo do noso traballo que chegue ás familias e á veciñanza.
Avaliación da participación por parte do alumnado
Unha vez rematado o proxecto, o alumnado do centro realizou unha enquisa na que puido valorar o seu grao de satisfacción con respecto á súa participación. En termos xerais:
Valorouse moi positivamente a metodoloxía activa empregada na preparación das actividades interdisciplinares relacionadas co proxecto.
Valorouse moi positivamente a finalidade práctica das actividades (xogos para outros compañeiros e compañeiras, paneis expositivos, actuacións, instalacións artísticas...).
Subliñouse o carácter interdisciplinar das actividades, o que lles permitiu traballar desde diferentes enfoques e materias os mesmos contidos.
Avaliación do alumnado das diversas materias implicadas
Os distintos eixos temáticos do proxecto, así como os produtos finais escollidos, foron distribuídos nos distintos cursos en relación ao currículo das materias implicadas e de acordo co profesorado implicado. Deste xeito, o profesorado responsable de cada fase estableceu os criterios e indicadores propios de avaliación co seu propio alumnado.
Reflexión final. Impacto das prácticas inclusivas na comunidade educativa
A partir da experiencia vivida e tamén das valoracións obtidas nos diferentes ámbitos analizados, o proxecto supuxo un antes e un despois nas dinámicas de traballo do centro. Malia as dificultades, a experiencia de traballo por proxectos de carácter interdisciplinario foi moi positiva tanto para o alumnado como para o profesorado e a contorna, de xeito que se tratará de seguir a liña iniciada neste curso académico.
O alumnado con NEE viuse perfectamente integrado nesta metodoloxía de traballo e conseguiu incluso facerse protagonista de contextos nos que noutros momentos sería impensable. Sirvan como exemplos a presentación das actuacións, que correu a cargo de alumnado con dificultades de aprendizaxe, ou a actividade de xogos populares, realizada por un grupo con varios alumnos e alumnas con NEE e unha alta porcentaxe de alumnado desmotivado e baixo rendemento académico.
Por outra banda, rompéronse moitos tabús ao redor de temáticas como o colectivo LGTB+. Dubidábase da reacción das familias e de parte do alumnado ao explicitar contidos relacionados coa diversidade afectiva e sexual, a pesar de que pensabamos que era absolutamente necesario. A repercusión foi extraordinariamente positiva tanto no centro como na contorna.
A visibilidade das actividades conseguiu que as familias do alumnado se visen implicadas, así como tamén os veciños da vila. As actividades que se realizaron no exterior do centro xeraron moita expectación e incluso comentarios nas redes sociais arredor do positivo deste tipo de traballos (falouse incluso da necesidade de ter os montes limpos para que os rapaces e rapazas do centro puidesen levar a cabo estas actividades).
Comments