Proxecto integrado de centro do IES de Soutomaior
Curso 2018-2019
Actividades
Herbas, lendas e tradicións
O núcleo de interese desta actividade sitúase nas lendas e tradicións populares que xiran ao redor das herbas e as súas propiedades, e no papel protagonista que a muller desenvolveu como coñecedora e transmisora deste importante patrimonio inmaterial.
Curso que o desenvolve: 1º ESO
Obxectivos e proposta metodolóxica
-
Valorar a lingua galega como capaz para vehicular coñecemento científico.
-
Coñecer unha parte do noso patrimonio inmaterial investigando e interpretando lendas e tradicións da contorna do alumnado relacionadas coa flora e coa muller (perspectiva de xénero crítica).
-
Fomentar a presenza da lingua galega nas novas tecnoloxías (códigos QR, espazos web descritivos vinculados) integrándoas nos paneis.
-
Coñecer e identificar plantas da contorna (fiúncho, romeu, etc.) realizando herbarios, fichas botánicas e tamén paneis que describan o seu universo literario, as lendas e tradicións asociadas.
-
Darlle relevancia á muller como coñecedora e transmisora das lendas, tradicións e saberes relacionados coas herbas (de namorar, de san Xoán, etc.)
-
Investigar sobre os Maios tradicionais, elaborar un Maio e interpretar coplas.
-
Plantación de herbas aromáticas nos xardíns do IES.
Literatura e música
O alumnado investigará sobre as principais tendencias musicais que existen hoxe en galego protagonizadas por mulleres. Comporá diversas letras a partir de bases musicais existentes, e cantará e tocará as súas propias creacións. Os temas centrais que se abordan son a diversidade sexual, a violencia de xénero e o empoderamento da muller.
Curso que o desenvolve: 2º ESO
Obxectivos e proposta metodolóxica
-
Fomentar actitudes favorables cara á lingua e promover a creatividade como forma lúdica de galeguización creando letras en galego a partir de bases musicais existentes.
-
Estimular a oralidade interpretando as propias cancións compostas (maio).
-
Comprender a linguaxe musical e a literaria como formas de expresión e denuncia.
-
Difundir a oferta cultural en lingua galega, investigando sobre o papel da muller como autora literaria e como autora e intérprete musical.
-
Investigar e coñecer os conceptos principais que xiran ao redor da diversidade sexual, a violencia de xénero e o empoderamento da muller.
Oficios tradicionais
Investigación e coñecemento dos oficios tradicionais da contorna do alumnado levados a cabo por mulleres. Inclúe o coñecemento sobre a literatura popular de tradición oral relacionada cos oficios.
Curso que o desenvolve: 3º ESO
Obxectivos e proposta metodolóxica
-
Coñecer unha parte do noso patrimonio tradicional investigando sobre a literatura oral que xira ao redor dos oficios tradicionais desenvolvidos na contorna do alumnado.
-
Analizar criticamente o papel non valorado que a muller xogou nos oficios tradicionais para o desenvolvemento da economía familiar e local.
-
Outorgarlle relevancia á muller como coñecedora e transmisora da literatura popular de tradición oral.
-
Elaborar un vídeo documental sobre os oficios tradicionais da contorna, e o papel da muller neste ámbito.
-
Realizar unha exposición gráfica sobre os oficios tradicionais.
Mulleres na historia de Galicia
Actividade que realiza unha lectura crítica do escaso ou nulo recoñecemento histórico sobre as mulleres galegas, tanto no ámbito literario, como musical, artístico ou sociohistórico.
Curso que o desenvolve: 4º ESO Académicas
Obxectivos e proposta metodolóxica
-
Promover unha revisión da nosa produción literaria que contribúa a reforzar a autoestima da lingua e cultura galega procurando información sobre mulleres galegas de relevancia en distintos ámbitos e outorgándolle a visibilidade merecida.
-
Realizar unha montaxe artística.
-
Ler e representar textos literarios de autoras galegas.
-
Analizar o papel da muller como intérprete e transmisora e realizar unha exposición de instrumentos tradicionais.
Xogos populares
O centro de interese desta actividade será o xogo popular como configurador da riqueza inmaterial dun país e como ferramenta para a inclusión. Preténdese investigar a orixe e tipoloxía dos xogos populares galegos para, finalmente, construír xogos tradicionais para as actividades previstas en maio.
Curso que o desenvolve: 4º ESO Aplicadas
Obxectivos e proposta metodolóxica
-
Coñecer unha parte do noso patrimonio inmaterial estudando o xogos tradicionais e analizando o proceso de transmisión dos xogos, das súas normas, etc., e reactivar este patrimonio reconstruíndo xogos tradicionais por parte do alumnado.
-
Aumentar a presenza da lingua galega nas actividades de lecer realizando xornadas de diversión nos espazos do recreo e tamén no mes de maio, como actividade final, empregando os xogos elaborados polo alumnado.
-
Outorgarlle ao recreo unha dimensión de espazo inclusivo e de integración a través do xogo tradicional.
-
Desenvolver un proxecto de intervención social, ben co propio alumnado do centro, ben en colaboración con outras institucións.
Vasquida García: meigas, herbas e inquisición
O núcleo de traballo é a realización dunha actividade de animación cultural e traballo en equipo (rastrexo), baseada na historia de Vasquida García, menciñeira do século XVI orixinaria da comarca e reprimida polo Santo Oficio. O alumnado creará unha historia baseada nos datos coñecidos sobre esta muller e, a partir destes, analizará a vestimenta, a ambientación, os oficios e as peculiaridades históricas da Galiza en que viviu.
Curso que o desenvolve: 1º BAC
Obxectivos e proposta metodolóxica
-
Promover a interacción entre a escola e o seu contorno para facer máis rendibles os recursos e os esforzos deses dous ámbitos a prol da normalización do galego.
-
Promover o uso da lingua galega entre o alumnado fóra do espazo da aula.
-
Aumentar a presenza da lingua galega nas actividades de lecer.
-
Realizar unha actividade de animación cultural (rastrexo): xogo formado por estacións informativas sucesivas que ofrecen pistas durante un percorrido (tarefa de investigación guiada) que realizará o alumnado por equipos para acadar unha meta final (resolver un misterio).
Club de Lectura Marcando a Diferenza
O club de lectura Marcando a Diferenza realízase fóra do horario lectivo con lecturas de diferentes textos e autorías que tratan temas sociais, diversidade funcional, cultural, etc.
O Club de Poesía únese á proposta con outros textos para traballar a igualdade xunto con outros temas orientados ás efemérides do 25N e 8M co obxectivo de facer intervencións poéticas nos diferentes espazos do centro.
Potenciarase o diálogo entre a poesía e a música, que caracteriza varios dos títulos traballados e a actividade “X(é)neros versos”, en colaboración co Concello de Soutomaior.
Marcando a Diferenza e o Club de Poesía están a crear un banco de libros con estas temáticas mediante adquisicións do club e cos fondos da propia Biblioteca.
Fai clic no seguinte enlace para coñecer as últimas novidades desta actividade:
Curso que o desenvolve: 3º e 4º da ESO, 1º BAC
Obxectivos e proposta metodolóxica
-
Fomentar o interese e o goce da lectura en galego entre o alumnado organizando actividades arredor do acto da lectura que posibiliten novas vías de achegamento aos libros e o diálogo coas diferentes linguaxes artísticas (audiovisual, arte plástica, narración oral, etc.).
-
Favorecer a competencia lectora e a expresión oral en lingua galega do alumnado por medio da lectura e a posta en común das valoracións que suscitan os libros propostos nas sesións presenciais do club.
-
Facilitar o intercambio de experiencias e propostas lectoras entre os integrantes dos grupos do club de lectura así como entre estes e o resto da comunidade educativa fomentando a comunicación entre rapaces e rapazas de idades, intereses e preferencias diferentes e semellantes.
-
Promover un ambiente lúdico, ameno e participativo baseado na cooperación e a corresponsabilidade na toma de decisións e na marcha do grupo.
-
Ofrecer lecturas que respondan a criterios de igualdade e de respecto polas diferenzas individuais.
Outras actividades
Participación do alumnado en actividades de diverso tipo organizadas dentro do proxecto polo seu especial interese nas liñas temáticas centrais:
-
Charla-concerto de artistas convidadas
-
Asistencia a obra de teatro con coloquio final coas persoas integrantes da compañía
-
Celebración das efemérides seguintes:
-
25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero
-
24F, Día de Rosalía
-
8M, Día Internacional da Muller
-
25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero
Falemos de ti e min sumouse á conmemoración deste día organizando unha manifestación na que participaría todo o centro, en colaboración coa Biblioteca Escolar e a Comisión de Igualdade.
Durante os días previos a esta importante data, o alumnado de 2º e 4º da ESO elaborou pancartas con lemas en contra da violencia de xénero, e tamén foi preparado un manifesto que foi lido por dúas alumnas de 2º ao final do acto.
Manifesto
Lido polo alumnado ao finalizar a Mani-festa-acción
Con motivo da celebración do día para a eliminación da violencia contra a muller,
o alumnado, profesorado e persoal do IES de Soutomaior
queremos berrar…
Basta xa!
Por todas as mulleres que destacaron nos ámbitos da ciencia, do deporte, das artes e da literatura e que foron esquecidas pola historia…
Basta xa!
Por todas as mulleres que se ven obrigadas a casar sen poder escoller con quen.
Basta xa!
Por todas as rapazas do mundo que non teñen dereito á educación.
Basta xa!
Por todas as mulleres que sofren desigualdade no traballo.
Basta xa!
Por todas as mulleres que teñen medo de andar soas pola rúa.
Basta xa!
Polas mulleres maltratadas, violadas ou asesinadas.
Basta xa!
Polas mulleres que non teñen dereito a ser mulleres.
Basta xa!
Por todas elas, e por todas nós.
Basta xa!
24F, Día de Rosalía de Castro
Falemos de ti e min sumouse á conmemoración deste día organizando un Photocall e tamén unha pintada de versos nos cristais dos accesos ao instituto. Colaboraron a Biblioteca Escolar e a Comisión de Igualdade.
Durante os días previos, o alumnado que forma parte da Comisión de Igualdade elaborou os pequenos globos que contiñan versos revinidicativos de Rosalía de Castro, que serían mostrados durante a realización das fotografías.
Entrada do blog Falemos que recolle o vídeo da actividade
Entrada do blog Falemos que recolle imaxes da actividade
Web da AELG en que se presenta a nosa actividade xunto coa doutros centros de toda Galicia
#LibreOMeuPensamento-rdc-19
No IES de Soutomaior quixemos conmemorar o Día de Rosalía de Castro uníndonos ás propostas da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega).
Para isto, repasamos a figura literaria da autora e realizamos unhas escolma de versos que dalgún xeito serven para denunciar inxustizas aínda presentes na sociedade actual: inxustizas sociais, violacións, violencia contra a muller, etc.
Estes temas sitúanse no marco dos eixos centrais que desenvolve este proxecto: lingua e cultura galega, visibilidade da muller e diversidade.
A unha inxustiza, un verso.
8M, Día Internacional da Muller
No marco do Proxecto Falemos que se leva a cabo no IES de Soutomaior, celebramos o Día Internacional da Muller (8 de marzo) cunha serie de actividades organizadas pola Biblioteca, a Comisión de Igualdade e o EDLG:
- Exposición-mesa de libros
Desde o xoves 7 marzo e durante varios días, a Biblioteca organizou unha exposición sobre diversos libros que tratan o tema da igualdade de xénero e a reivindicación da figura da muller.
- Tríptico de recomendacións lectoras
Elaboración e difusión dun catálogo que inclúe unha sinopse e ficha bibliográfica dun total de 16 publicacións que tratan o tema da igualdade de xénero.
Este tríptico difundiuse en papel, como vemos na imaxe, e tamén está dispoñible para a súa consulta na web:
- Instalación artística conmemorativa sobre o 8M.
O alumnado da Comisión de Igualdade realizou unha artística, fermosa e significativa exposición de motivos polos que decide asistir á folga do 8 de marzo, vinculados á defensa dos dereitos da muller e da loita contra a violencia machista.
Para iso, realizáronse carteis con citas de autoras coñecidas e elaboráronse siluetas simbólicas con lemas e textos creados polo propio alumnado, material que foi disposto nos corredores do centro. Outras moitas reivindicacións escritas foron tamén recollidas nos cristais das portas principais do centro.