top of page
  • Foto del escritorProxecto Integrado

O libro de Pepe (Lucía Costas, 2º C)

Actualizado: 25 feb 2019

Houbo unha vez, hai moito tempo (ou non tanto, depende de como o vexas), unha simpática familia rusa. O pai era un home gordo e fortachón chamado Igor, a nai era moi “choni” (sempre coa goma de mascar na boca) e non sabía nin as táboas de multiplicar (sorte que a miña profe de matemáticas non a coñece), e por último, o fillo. O pobre rapaz non había por onde collelo. Nada se lle daba ben e só servía como mal exemplo. Aínda para máis, chamábase Petraconilo Perilagiado (aos seus pais debéuselles de quedar a cabeza descansada), pero como é un pouquiño longo, chamábanlle Pepe.

O tempo pasou a Pepe foi medrando, fisicamente, porque o que é a cabeciña non lle cambiou nada. Pero o peor é que acabou namorando dunha rapaza que se non era coma el, era peor. Chamábase Penélope e non lle gustaban os alcumes.

Ao cumprir os dezaoito anos, o pai de Pepe díxolle que ou empezaba a traballar ou tiña que marchar de casa. E Pepe, que é moi sensato, decidiu marchar. Colleu o ordenador e buscou: “lugares bonitos aos que ir cando o teu pai te bota da casa”, e Google, que ten respostas para todo, púxolle unha foto da capital galega Santiago de Compostela. Ese mesmo día díxolle á súa noiva:

-Peni, recolle as túas cousas que nos mudamos a un fermoso castelo que está nunha cidade Chamada Santiago de Compostela.

E así foi, colleron as súas cousas e botaron a andar. Pero claro, o que eles non sabían é que de Moscow a Santiago de Compostela hai 4.372 km, e cando levaban 3 km xa estaban cansos. Entón, sentaron no bordo da beirarrúa e comezaron a facer autostop. Despois dun anaco de espera, un señor colleunos e levounos ata Bielorrusia. Alí, unha familia levounos ata Alemaña. Unha muller trasladounos a París. E, por último, unha parella levounos ata o seu destino, Santiago de Compostela.

A parella deixounos xusto diante da catedral e, cando baixaron, Pepe exclamou:

- Querida Peni, contempla o castelo no que viviremos de hoxe en diante.

Como era de noite, non había ninguén na catedral que lles puidera impedir o paso, polo que entraron como Perico pola súa casa e botáronse a durmir nos bancos.

Ao día seguinte, cando espertaron (que xa eran as 12 do mediodía), Penélope díxolle a Pepe:

- Cari, teño tanta fame que comería un xabaril! Consegue diñeiro para poder almorzar.

E Pepe, que é moi obediente, foi en busca de diñeiro. Percorreu toda a catedral ata que chegou a un lugar cheo de billetes, logo de pasar unha porta que puña en letras xigantes: NON PASAR. Alí colleu un pouco e foi coa súa noiva almorzar nun restaurante de cinco estrelas Michelín.

Fixeron o mesmo ao mediodía, á cea, ao día seguinte, e ao seguinte, e ao seguinte… Cando lles petaba mercar roupa, ou un coche, un avión, unha casa...

Un día, cando Pepe ía por diñeiro, descubriu un fermoso libro gardado nunha caixa de cristal e exclamou:

- Andá!, non sabía que neste Castelo tamén había unha biblioteca! Voulle levar a Penélope este libro, que seguro lle encanta mirar os debuxos.

E, en efecto, gustoulle moitísimo, pois todas as noites botaba unha hora mirando os debuxiños.

Un ano despois, mentres Peni estaba a “ler” o seu querido libro, apareceu un policía nunha das cinco casas que Pepe mercara co diñeiro da catedral e díxolles:

- Señor Petraconilo Perilagiado, queda detido por roubar o Códice Calixtino da catedral de Santiago de Compostela.

- Pero que dis!, se eu non roubei ningún códice catalino!

- Entón, que é iso que ten a súa muller nas mans, señor Petraconilo Perilagiado?

- Pois un libriño que collín na biblioteca daquel castelo tan fermoso!

- Non me tome o pelo, por este roubo queda condenado a 40 anos de cárceres xunto coa súa muller. E outra pregunta: de onde sacou vostede os cartos para comprar cinco casas e tres coches se non traballan nin vostede nin a súa muller?

- Pois é moi fácil, collémolos do almacén de cartos que está no mesmo castelo que o libro. Se queres, ti tamén podes coller, que nós temos de sobra.

- Sabe vostede que está dicindo?

- Pois claro que si. –Contesta Pepe moi tranquilo.

- E dismo así, con toda a cara. Isto merece como mínimo 50 anos de cárcere máis que, sumados aos outros 40 anos, son 90 anos de cárcere para cada un. VADES ESTAR NO CÁRCERE ATA QUE MORRADES!!!

- Pero… que é iso do cárcere?

- Pois é o lugar a onde van os delincuentes coma vostedes.

- Vale, vale…, pero alí vannos dar de comer? – Pregunta Pepe.

- Claro.

- E teñen libros con debuxos bonitos? –Pregunta Penélope.

- Pois…, supoño que si.

Entón, Pepe, cheo de ledicia, dille ao policía:

- Que ben! Moitísimas grazas! Veña, imos canto antes para ese sitio tan chulo!

E, dende ese día, Pepe e Peni viviron felices no cárcere, comendo e mirando os debuxos dos libros.


Esta historia é o resultado dunha tarefa de clase de lingua consistente en converter unha noticia en texto narrativo. Tiñamos que manter os elementos da noticia (espazo, tempo, personaxes...) e crear un texto propio. A noticia da que partimos a nosa historia é o roubo do Códice Calixtino realizado na Catedral de Santiago. Está feito no curso pasado, cando estabamos en primeiro.




10 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo

Poemas (Javier y Fran, 1º ESO A)

Vermello como o sangue, azul como o ceo, o amor cheira e non o quero. O amor é como a guerra, que bico ata a terra. As rosas non se tocan, adóranse. Os corpos son como flores, viven con amores. Primav

bottom of page