Descendentes do romanticismo (Laura Orge García, 1º BAC B)
- Proxecto Integrado
- 25 mar 2019
- 2 Min. de lectura
O romanticismo foi un movemento artístico que xurdiu na primeira metade do século XIX. Cando falamos de romanticismo a maioría de nós pensamos en historias amorosas mais, en realidade, este movemento non só consistía niso senón tamén na expresión de todo tipo de sentimentos, a procura da liberdade e o interese polo exótico e misterioso.
Actualmente, estamos mostrando unha certa atracción cara á literatura desta época que se concreta no cine, na banda deseñada e na reedición destes clásicos.
Respecto ao cine, atopamos filmes como Mujercitas de Greta Gerwig e que se estrea este mesmo ano, Os Miserables de Tom Hopper (2012), Orgullo e Prexuízo de Joe Wright (2005), Sentido e sensibilidade de Ang Lee (1996) e Jane Eyre de Cary Fukunaga (2011). Esta última foi analizada na aula de literatura universal para recoñecer os trazos máis destacados do romanticismo, como a exaltación de sentimentos, unha muller protagonista diferente dos personaxes femininos de movementos anteriores, a ambientación escura e unha paisaxe que se identifica cos sentimentos.

Por outra banda, destaca, entre todos os formatos, a sorprendente aposta por parte das editoriais por este tipo de tramas para banda deseñada. Nos últimos anos presenciamos un auxe do manga e do anime na nosa cultura e, ao mesmo tempo, o interese polo romanticismo traspasou as nosas fronteiras. Estes dous fenómenos deron como resultado varias versións de obras clásicas como Orgullo e Prexuízo de Po Tse e Stacy King (2016, Norma Editorial) e Os Miserables de SunNeko Lee y Crystal Silvermoon (2014, Norma Editorial) que se caracterizan pola fidelidade á historia orixinal.

Finalmente, este interese polo romanticismo provocou a reedición de obras propias deste movemento dunha maneira moi singular: edicións anotadas, decoradas por ilustradores de plena actualidade e dunha calidade notable. Mujercitas (Ed. Akal, edición anotada, 2018) ou Frankenstein (Ed. Nordica, ilustrado por Elena Odriozola, 2018) son bos exemplos desta tendencia.
En conclusión, as tramas e personaxes do romanticismo están outra vez no foco de interese dos lectores e lectoras, grazas aos seus argumentos atemporais (paixóns humanas, procura da liberdade…) e a unhas protagonistas que supoñen un exemplo de feminismo incipiente, que hoxe está en pleno apoxeo.

Comments